Español    Ingles

En 1955, Ramón emigrou a Venezuela

na procura dun soño.

Ramon Do Casar

.
1928

UNHA NOVA VIDA Á BEIRA DO RÍO MIÑO

Crise das democracias liberais, ascenso do fascismo e os réximes autoritarios, auxe dos movementos obreiros inspirados no triunfo bolxevique da Revolución Rusa. A finais dos anos 20, nace en Ourense (Galicia) Ramón González Figuereido. A infancia de Ramón transcorreu nunha sociedade revolta como aquelas terras do marquesado no que comezou a traballar e que se estendían á beira do río Miño. Ramón, alleo á recuperación da Gran Guerra e á euforia económica dos anos 20, truncada polo Crack do 29, habitaba, xunto á súa familia, nunha casa de labranza, dentro da terra do marqués, denominada na época como «casar».
1955

AS DIFICULTADES ECONÓMICAS E O DESEXO DE PROGRESAR

Contan as crónicas que Galicia é a terra con maior porcentaxe de emigrantes, pero tamén é a terra con maior número de emigrantes que, nalgún momento, deciden regresar. Alleo a estes datos, en 1955, Ramón emigrou a Venezuela na procura dun soño. Naquela época, os galegos, Ramón entre eles, emigraban, fundamentalmente, por dúas razóns: as dificultades económicas e o desexo de progresar. E foi ese desexo o que o levou a emprender unha viaxe de esforzado labor ao outro lado do Atlántico que lle permitiu ir adquirindo pequenas leiras situadas na zona onde se criou.
1976

UN SOÑO NO TERMO DA PARROQUIA DE SAN SALVADOR DE VIDE

Viñedo, labradío e prado-pasto, bosque, souto, monte con castañas e outros arbustos. Veiga Bella, a leira adquirida o 2 de marzo de 1976 por Ramón e a súa familia, contaba cunha superficie para sementar de 217 ferrados e terzo, que equivalen a 16 hectáreas e 55 áreas. Situada no municipio de Castrelo de Miño, a leira, no termo da parroquia de San Salvador de Vide, estaba presidida por unha casa de piso alto e baixo, e no mesmo punto outra casa pequena con dous lagares e un hórreo. Na actualidade, ambas as casas desapareceron. Naquela leira, que linda polo norte co río Miño e polo sur cun camiño real antigo que vai de Vide a Prado, iniciouse un soño que se estendía, ao este, ata as inmediacións do río Fragoso, que aflúe ao Río Miño.
2000

O ANO NO QUE A TERRA SE CONVERTEU EN VIÑEDO

Durante décadas, aqueles terreos permaneceron en barbeito, como se agardasen a chegada dun novo século para seren saneados. Naqueles días producíronse importantes movementos de terra e pedras e elaboráronse os primeiros muros e diques, como antesala dunha plantación pensada para obter unha produción de mellor calidade. Para isto, elaborouse un marco de plantación de 2,5 por 1,25 metros, medidas que aínda que dan un menor aproveitamento de terreo, aseguran unha maior calidade de uva ao facilitaren moito mellor a ventilación, as horas de sol, a accesibilidade para labores, e calquera outro aspecto asociado a unha mellor calidade da colleita.
2013

UN PROXECTO ARRAIGADO NA TRADICIÓN GALEGA

Todos e cada un de nós decidimos o lugar no que almacenar os nosos soños. Ramón e a súa familia decidiron facelo nunha adega que foi concibida para protexer e enxalzar a nobreza dos viños que nela se elaboren. A edificación foi deseñada en consonancia coa tipoloxía local, belamente integrada no privilexiado contorno no que se atopa, sobre unha ladeira á beira do río Miño, rodeada de viñedos propios, e arraigada á tradición galega, absorbendo a forma na que, na ribeira do Miño, se elaboraron durante séculos os mellores viños brancos de Europa.
2014

UNHA HISTORIA DE VISIÓN E ESFORZO

En ocasións, aínda é posible percibir a presenza daquel marquesado no que Ramón comezou a traballar e que hoxe constitúe un privilexiado terreo para a crianza de variedades autóctonas con uvas como a treixadura, godello ou albariño, que se cultivan na propia leira. Unhas uvas cultivadas ao abeiro da produción integrada, coidando, como moi poucas adegas na actualidade, as uvas e o medio. Seguindo procesos de traballo que aproveitan todas as propiedades naturais dos seus froitos. E confiando o labor de creación a un mozo enólogo galego, Pablo Estévez, cun recoñecido palmarés e unha apaixonante proxección de futuro. Esta nova marca chámase Ramón do Casar, en recordo da humilde casa de labranza da que saíu un día un home, Ramón, que hoxe representa o papel protagonista nunha historia de visión e esforzo convertida en viño.

Produtos

RAMÓN DO CASAR É UN VIÑO BRANCO ELABORADO A PARTIR DUNHA COIDADA MESTURA DE TREIXADURA, GODELLO E ALBARIÑO. RAMÓN DO CASAR TREIXADURA É A NOSA VISIÓN DE CÓMO DEBE ENXALZARSE A UVA POR EXCELENCIA DO RIBEIRO: A TREIXADURA.

SOÑADO DENDE 1955

Ramón Do Casar

Ramón do Casar é un proxecto que se arraiga na tradición galega, absorbendo a forma na que, na ribeira do Miño, se elaboraron durante séculos os mellores viños de Europa. Acompáñanos, a través das nosas noticias e publicacións, e descubre a apaixonante historia dun soño convertido en viño.

Contacto

 
    • Paraxe San Sebastián, s/n.
      Prado - Vide
      32430 Castrelo de Miño
    • +34 988 036 097
    • +34 638 433 611

OURENSE